idioma

É posible un pacto social pola lingua galega?

A Xunta de Galicia arranca os encontros con partidos políticos e organismos culturais para pechar nos vindeiros meses un pacto social polo galego, ante a perda de falantes

Cartel protesta sobre o idioma galego nas rúas de Santiago
00:00

O conselleiro de Cultura e Lingua, José López, quere acadar un pacto pola lingua

Redacción COPE Galicia

Galicia - Publicado el

3 min lectura

En que idioma pensas? En que idioma soñas? Esa é a lingua na que te expresas por definición, a lingua materna.

Por primeira vez, en Galicia, son máis os residentes que falan sempre en español, un 29,66%, que os que falan sempre na lingua autóctona, un 24,37%. Son datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Se ben, a Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada, reflicte que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega. O secretario xeral da lingua, da Xunta de Galicia, Valentín García, destaca que “practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida”. A sondaxe conclúe que a maioría da cidadanía sabe falalo, dominando a expresión oral o 94,62% das persoas, mentres que, en canto á escrita, o 84,35% da sociedade recoñece ter competencias neste eido. 

UN PACTO SOCIAL

A Xunta, con todo, quere avanzar nos consensos arredor do idioma. Por isto, o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, arrancou unha serie de xuntanzas cos grupos políticos e con institucións como o Consello da Cultura Galego ou a Real Academia da Lingua.

A Xunta creará antes de que remate o ano as mesas de traballo nas que se trazarán as liñas de actuación para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

Neste senso, o titular deste departamento lembrou que desde “a mesma creación desta Consellería avogamos por impulsar con máis forza o uso do galego, como ben vai indicado no seu nome, propoñendo, desde o primeiro momento, un consenso político que traslade á sociedade un clima de cordialidade e unión a favor da lingua”.

Para novembro fixarase unha xuntanza co Consello da Cultura Galega e coa Real Academia Galega, á que seguirán outras coa Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades. Con estes movementos, o Goberno galego agarda que nun prazo de 15 meses se poida ter completado o proceso de traballo.

López Campos entende que "Estamos ante unha oportunidade única porque temos unha radiografía actualizada da situación do galego que debemos utilizar para sacar as nosas fortalezas".

propostas da xunta

O responsable autonómico da Lingua trasladoulles aos seus interlocutores unha serie de propostas que se sustentan "na necesidade de prestixiar o uso social do galego, tendo en conta, tal como nos indican os datos, que non estamos ante un problema de descoñecemento". A Xunta pide "non instalarse nun modelo impositivo que teña un efecto contrario".

O Goberno galego presentou un documento de traballo, a partir do que se irá desenvolvendo a folla de ruta coas achegas dos grupos parlamentarios e entidades implicadas, co obxectivo de desembocar nuns 15 meses nun Pacto pola Lingua e, a continuación, nunha actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

A Xunta traballará en varios ámbitos: o eido dixital, as persoas chegadas do exterior e o neofalantismo, os novos falantes. Todas elas, ademais, inciden de maneira especial na mocidade, a encargada de continuar prestixiando o galego.

Así, para as persoas chegadas do exterior, que supoñen potenciais galegofalantes, poñeranse en marcha o ano que vén máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas, ademais de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas e propostas de traballo colaborativo coas asociacións de distintas comunidades asentadas en Galicia. 

Tamén desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude preténdese seguir impulsando o fenómeno do neofalantismo ofrecéndolles máis ferramentas a esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra.

NADA DE IMPOSICIÓNS

López Campos reclama ás forzas políticas non poñer "liñas vermellas", aínda que deixou claro que a formulación da Xunta non pasa pola derrogación do Decreto do Plurilingüismo, nin a inmersión lingüística ou o monolingüismo, senón un "bilingüismo cordial": "En ningún caso procede falar de imposición. A inmersión lingüística non pode impoñerse, logo dos resultados sociais, a unha maioría social. É tempo de poñer propostas enriba da mesa, falar e negociar".

Temas relacionados

Programas

Último boletín

04:00H | 22 DIC 2024 | BOLETÍN